Fondo cabecera Concello de A Pobra do Brollón

Historia

Historia

A mediados do terceiro milenio A.C. migracións de pobos continentais chegaron a Galicia traendo con eles a primeira agricultura e a primeira metalurxia do cobre e do ouro. Manifestacións destes primeiros asentamentos, no que hoxe é o municipio de A Pobra do Brollón, son os túmulos megalíticos (mámoas ou medorras) que se encontran repartidas por todo o seu territorio, así pódense ver en: Vilachá, Salcedo, Parada de Montes, Ferreiros, Castrosante (desfeita fai uns catorce anos), Castroncelos, Canedo, Óutara.

Da cultura castreña (s. IX. A.C. ó cambio de Era) non se encontran testemuños no concello, a non seren que se atopen agochados nos niveis inferiores dos castros galaico-romanos, abondosos como se verá. As investigacións arqueolóxicas que algún día se fagan aclararán estas dúbidas.

Ò rematar as guerras contra os pobos do norte, César e despois Tiberio, reorganizan o territorio de Galicia para adaptalo á explotación intensiva de tódolos recursos naturais (minería e agricultura). As especiais condicións climáticas e do chan de A Pobra, xunto coas súas riquezas mineiras, en especial de ouro, enche de castros o seu solar, con 15 catalogados nestes momentos. Destes castros galaico-romanos (de nova construcción) uns poucos adicábanse á agricultura, e os máis ò aloxamento do persoal que traballaba nas minas de ouro, xa dun xeito ¿industrial¿. Nuns castros, nos máis pertos ás minas, vivirían os mineiros; noutros os encargados de reparar as presas e caldeiras que traían a auga ás explotacións. Noutros os soldados, administradores, fundidores....e os artesáns que reparaban e construían as ferramentas necesarias. Testemuñas da importancia da riqueza mineira do ouro na Pobra do Brollón (tanto de xacementos primarios como secundarios) encóntranse espalladas por toda a superficie do Concello; dende a Ribeira do Sil a Oútara, dende a montaña ó val. Son exemplos desta riqueza, e da importancia das explotacións, a mina explotada polo sistema de peites dos Medos, e a de ruina montium de A Lama.

A presencia dos godos (suevos), está referenciada pola existencia duns poucos topónimos, como son os de Esmoriz, Tudriz, Domiz, Recimunde, Guariz; todos eles preto de castros galaico-romanos. As fontes historiográficas antigas din que os godos vivían nas alturas (nos castros abandoados), por medo os galaico-romanos que ocupaban a metade de Galicia, e que estaban a rifar de cotío con eles. Cos godos, princípiase unha época de illamento en Galicia, da que pouco se sabe hoxe por falta de documentación, e que vai perdurar ata o remate da Alta Idade Media.

A partires do século IX, nos documentos de doazóns e de foros dos mosteiros de Samos, San Vicente do Pino, Ferreira de Pantón, Meira, Oseira, Montederramo, Celanova...escomenzan a ser citadas as igrexas e lugares de Terras de Brollón.

Lugares como Salcedo, Cereixa, Barxa do Lor, Brollón, Ferreiros, Ferreirúa, Lamaigrexa, Domiz, Saa, Castrosante, Liñares, Martull, Canedo... xa aparecen neses documentos, o cal fai supoñer que estaban poboados dende moito antes, posiblemente dende as repoboacións do bispo Odoário e a súa familia (século VIII). Houbo dous mosteiros de moi corta vida: un en Vilacha, e o outro en Ferreiros. As xentes adicábanse o cultivo do centeo, viñedo e a horticultura. Criaban ovellas, cabras, pitas e coellos. O mais do terreo estaba a monte. En aldeas como Ferreiros e Ferreirúa, como así o di o seu nome, había ferreiros, mineiros e carboeiros adicados á fabricación de ferraduras, cravos e algunha ferramenta para o agro.

A inseguridade social foi abondosa durante estes tempos, como o demostra a existencia de torres e recintos de vixilancia, dos que soio queda o nome: Castrobon (A Ferreirúa), Castrelado Pequeno (Liñares), Castrelín (Parada dos Montes).

A partires de finais do século XIII, xunto os lugares anteriores, escomenza a aparecer nos documentos un novo, Puebla do Brollón o Puebla de San Pedro. Parece ser que foi o Rei de Castela Sancho IV, quen outorgou o documento fundacional (sobre un vello castro mineiro) do lugar, a carta-puebla; e que o seu herdeiro, Fernando IV ratificou. Neste documento contíñanse os repartos de terras, deberes e dereitos que se lles concedía ós poboadores da A Pobra do Brollón e das súas doce aldeas; e un dereito moi importante, como era o de depender directamente do propio rei. A repoboación propiciada pola citada carta-puebla foi un éxito demográfico e económico, como se demostra polas rendas anuais que tiñan que pagar, e que a partires de entonces A Pobra do Brollón aparecese en documentacións e mapas. A este desenvolvemento económico non debeu ser allea a súa situación estratéxica no obrigado paso de xentes e mercadorías, que querían entrar ou saír de Galicia polo camiño natural do val do río Sil. A presencia das ordes Hospitalarias e de Santiago nas Terras de Brollón así o confirman.

O 30 de xullo de 1477, o rei Fernando o Católico, en un documento datado en Medina del Campo, cédelle a don Pedro Álvarez de Osorio (primeiro Conde de Lemos), tódolos dereitos e rendas (ascendían a máis de 20.000 maravedíes) que a coroa tiña na Pobra do Brollón; rematan así as liortas que a nobreza viña tendo pola posesión das Terras do Brollón, e que comezaran o 23 de agosto de 1424, cando don Fadrique, señor de Monforte, anexionouna a Monforte xunto coas súas doce aldeas. Sen lugar a dúbida, ser un pobo de homes dependentes do rei ou dos seus administradores, un pobo de homes libres da xurisdicción de nobres e da igrexa, un pobo de homes ceibes defensores dos seus dereitos, motivou a participación de María Castaña, do Coto de Cereixa, nas sublevacións do pobo de Lugo contra os abusos do bispo da cidade (en torno ò 1382), e ,que pasados uns anos, todo o pobo de A Pobra do Brollón o fixera contra os atropelos e pagos das rendas reais ó Conde de Lemos ( ¿don Pedro Alvarez de Osorio?), na coñecida como revolta dos Guímaros, feito que a tradición popular conservou ata hoxe.

A partires do século XV, a pesares das reformas da administración propiciadas polos Reis Católicos e os seus descendentes como soberanos de todo o Estado, as Terras de Brollón continuaron vinculadas á Casa de Lemos, ata as reformas administrativas do século XIX. A súa economía centrábase na agricultura (centeo e viño), gandería e a explotación das minas de ferro, principalmente a Cova das Choias e a Veneira de Roques, (que chegou a ter 37 mineiros) que procuraban de mineral a tódalas ferrerías do contorno, incluídas as tres do termo: Ferrería de Biduedo, Ferrería da Barxa do Lor e a Ferrería de Loureiro.

A chegada do millo e a da pataca, a finais do século XVIII, contribuíu a un importantísimo crecemento demográfico, o que obrigou a poñer en explotación terras baldeiras ata entón e a construcción de novos pobos. A finais do século XIX, as viñas sufriron a peste da filoxera que obrigou a abandoar o seu cultivo ata ven entrado o século pasado.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de A Pobra do Brollón
Concello de A Pobra do Brollón
A Pobra do Brollón - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 430 001 / 639 79 49 05 | Fax: 982 430 361